A.C.C.A: Siglas correspondentes ós termos: "Atención", "Compresión", "Convencemento" e "Acción", que representan as catro etapas do proceso de actuación publicitaria.
AIDA: Expresión mnemotécnica para indica-los pasos de atención, interese, desexo e acción, que representan as catro etapas polas que adoita pasa-lo comprador no proceso que o leva a mercar un producto ou servicio, así como nas fases de actuación publicitaria.
Anuncio en vivo: Publicidade que se emite en calquera medio audiovisual no momento mesmo da súa realización.
Anuncio sen firma (blind advertisement): Publicidade ou comercial anónimo, é dicir, no que non se identifica a empresa ou persoa responsable.
Arquivo de feitos (facts book): Libro onde se recollen tódolos feitos relacionados con reportaxes e actividades dun cliente, conta publicitaria ou relacións públicas.
A/S Ratio: Valor que expresa a relación ou proporción porcentual entre as vendas e o investimento en publicidade.
Boceto (dummy): Debuxo simplificado dunha idea para impresión, anuncio ou empaque.
Boceto previo (sketch): Trazo ou debuxo rápido para unha aprobación inicial.
Boletín de prensa (press release): Informe que se envía ós medios de comunicación. // Carpeta de información que se entrega ós xornalistas nas presentacións e nas roldas de prensa.
Brand share: Locución anglosaxona que se refire á porcentaxe de vendas ou consumo dunha determinada marca fronte ó mercado total dese producto.
Briefing: Locución anglosaxona que designa o documento onde se recollen preparativos, medidas, coñecemento das actividades, problemas de creación, planificación, desenvolvemento e execución da relación contractual establecida entre o anunciante e a axencia publicitaria para a realización dunha campaña.
Central de medios: Entidade que se encarga da xestión e optimización dos aspectos vencellados co marketing de medios do anunciante. A súa misión consiste en acada-los mellores extratipos na negociación dos espacios e soportes publicitarios cos medios, e ocuparse da planificación e investigación das necesidades dos seus clientes neste eido.
Communication mix: Expresión anglosaxona que fai referencia á mestura de medios de comunicación para acadar un público obxectivo.
Concepto mercadotécnico (marketing concepts): Filosofía de pensamento da empresa en torno ás súas actividades comerciais.
Copia dun anuncio (reprint): Reimpresión ou reedición dunha mensaxe publicitaria nun medio de comunicación impreso ou audiovisual.
Corpo de texto (body corp): Tamaño da letra dunha mensaxe publicitaria ou de calquera outro texto impreso ou audiovisual.
Cuña: Espacio publicitario radiofónico cunha duración que oscila entre os 15,30 e 60 segundos.
Definición: Claridade e fidelidade das gravacións e emisións audiovisuais.
Deseño do empaque (packaging): Parte do marketing que se ocupa do deseño de envases e embalaxes, de xeito que protexan os productos, faciliten o seu transporte e tamén inflúan positivamente na súa venda.
Deseño gráfico: Variante do deseño industrial referido á industria gráfica. // Deseño de obxectos, marcas, logotipos, mediante a aplicación das técnicas de debuxo co obxecto de chegar á funcionalidade mediante a estética.
Dobre páxina central (double page spread): Follas centrais dunha revista ou xornal, moi empregadas en publicidade para acadar un maior impacto cun só anuncio.
Edición (editing): Preparación ou modificación dun guión cinematográfico ou audiovisual. // Preparación e publicación dun medio impreso, como un xornal ou revista ou un libro.
Esbozo (rough): Primeiro deseño dunha idea para un anuncio. // Boceto, debuxo sen rematar.
Film strip: Expresión anglosaxona que fai referencia ás secuencias de imaxes fixas pero cunha proxección a xeito de película.
Fotocomposición (photo composition): Tratamento fotográfico que se realiza a través de sistemas electrónicos en frío.
Freelance: Termo anglosaxón co que se denomina a persoa á que se lle encarga un traballo para que o leve adiante de xeito independente, e baixo unhas condicións económicas pactadas de antemán.
Imaxe de marca (brand image): Impresión subxectiva ou obxectiva sobre unha determinada marca no pensamento dos compradores reais ou potenciais.
Mailing: Termo anglosaxón que fai referencia a unha unidade publicitaria completa, que chega ós seus destinatarios a través do correo. O envío pode estar composto simplemente por unha carta ou pode tratarse dun paquete completo que inclúa unha carta, un folleto, unha tarxeta e un sobre de resposta, etc.
Maqueta (mock up): Facsimilar dun ben, empaque ou etiqueta dun producto filmado nun comercial publicitario que substitúe a un orixinal.
Medianil (gutter): Espacio en branco nos medios impresos.
Merchandising: Termo anglosaxón que fai referencia ás operacións e estratexias comerciais que se desenvolven nas diferentes fases de comercialización dun producto (distribución, comercialización e vendas), nas que se usan técnicas encamiñadas á captación de clientes.
Offset: Termo anglosaxón que fai referencia a un sistema de impresión de boa calidade e moi empregado en publicidade.
Picas: Medida para calcula-lo tamaño dos tipos empregados nunha imprenta.
Piggy-backing: Expresión anglosaxona que fai referencia á colocación de spots (pertencentes a un mesmo anunciante), de lado a lado, en dous tempos diferentes e polo custo de un.
Prime time: Expresión anglosaxona que fai referencia ó horario de maior audiencia, privilexiado e de custo máis elevado nos medios de comunicación audiovisuais, no que se transmiten programas ou publicidade pola súa grande atracción ante o público.
Proba cega (blind test, anonymous product testing): Investigación que se realiza sen que as persoas que proban un producto coñezan o seu nome, e que serve para acadar información sobre a opinión dos consumidores sobre ese producto e obter resultados medibles e obxectivos.
Script de filmación (shooting script): Descrición escrita do audio e do vídeo dun material que será filmado, nun guión onde se recollen tódolos datos técnicos e informativos. // Guión técnico para a realización de filmes, televisión, teatro, radio ou calquera producción publicitaria.
Storyboard: Anglicismo que designa a secuencia gráfica dunha idea ou composición gráfica e textual dun filme ou dun comercial para cine ou televisión.
Tormenta cerebral de ideas (brain storm, brainstorming): Expresión que fai referencia á actividade mental que se desenvolve nas reunións de profesionais, para obter múltiples ideas ou solucións a determinadas cuestións, das que logo se fará unha escolla entre as que teñan máis posibilidades.
Traballo de arte (art work): Actividade de creación de ilustracións, viñetas, distribución de texto, etc., dun anuncio dirixido ós medios impresos.
Wrap up: Expresión anglosaxona que fai referencia á frase final que sintetiza un concepto ou texto publicitario.
Year book: Expresión anglosaxona que fai referencia ó anuario sobre algún tema vencellado á mercadotecnia, á publicidade ou ós medios.
|